CONFERENCIA SOBRE BOB DYLAN

Agora que "os blogs morreron", tratarei de resucitar o meu, tres meses despois da última entrada publicada. Vou colgar as dúas conferencias que din no 2008, nesta ocasión a adicada a Bob Dylan (durante a cal interpretei algúns dos seus temas) e en breves a que din meses despois sobre os Beatles.
Tamén seguirei a colgar os programas de "Xira Mundial" agora que é un proxecto pechado.

Ademáis de seguir coas reseñas dalgúns dos meus discos favoritos no xornal dixital Certo (tedes o enlace á dereita), seguirei publicando entradas sobre libros e demáis soportes que conteñan algo que esperte o meu interés.



BOB DYLAN: MÁIS ALÁ DO MITO

Conferencia escrita e presentada por Javier Ferreirós o 3 de abril de 2008 no Ateneo Valle Inclán de Ribeira.


Fálase de Bob Dylan como de “lenda viva”, o artista que elevou a canción ó estatuto de arte, influindo a todos os compositores da chamada “música popular” coetáneos e máis novos que el.
Tamén é, sobre todo, un icono dos anos 60, de todo o que esa década supuxo, tanto a nivel artístico como social ou político. O corpus das súas cancións, e as súas letras separadas das mesmas, fanno merecedor de eloxios procedentes de tódos os ámbitos, así como de prestixiosos premios académicos e dende fai uns anos aspirante ó Premio Nobel de Literatura.
Icono dos 60 e compositor excepcional. Dende o meu punto de vista esta é unha visión sesgada da figura de Dylan. Numerosos críticos e estudiosos da súa obra ignoran, cando non desprecian abertamente, a obra que produciu despois dos 60 e a importancia deste home como intérprete no escenario e no estudio de gravación, como intérprete tanto das súas cancións como das doutros autores.
Vou intentar seguir unha orde cronolóxica, na medida do posible, deténdome nos momentos máis salientables da carreira de Bob Dylan e comentando certos aspectos da súa vida privada determinantes na súa traxectoria artística.
Tamén vou interpretar algunhas das cancións que considero máis significativas das que compuxo.



Nacemento, infancia, adolescencia


Robert Allen Zimmerman naceu o 24 de maio de 1941, fai case 67 anos, en Duluth, Minnesota, mentres os nazis se expandían por Europa. Minnesota está no Medio Oeste americano, á beira dos Grandes Lagos, e Duluth era un pobo mineiro no medio da nada con invernos de oito meses. Os avós de Dylan, tanto maternos coma paternos, eran xudeus emigrados dende o Leste de Europa e Bobby medrou nun ambiente familiar bastante relixioso, coas palabras da Biblia xudea resonando na súa vida cotiá.

A través da radio descubriu a música popular, o country de músicos como Hank Williams, o blues de Robert Johnson e outros, e o primeiro rock and roll, o de Bill Haley, Jerry Lee Lewis, Little Richard, Elvis. Ós 14 anos fíxose cunha guitarra española e ós 18 declarou no anuario do instituto que a súa ambición era “unirse á banda de Little Richard”.
Ós 10 anos escribiulle un poema á súa nai, pero mentres tocaba rock and roll cos amigos do instituto aínda non pensara en escribir cancións. Como el mesmo sinalaría máis tarde, comezou a escribir cancións para ter material que cantar, algo que lle importase de verdade. Así que se se fixo compositor foi porque antes xa era intérprete, esa foi a súa manifestación artística primordial. A precocidade á hora de compoñer non é, por tanto, unha das facetas do seu xenio.
Sobre os 18 anos comezou a prestarlle atención á música folk, descubrindo un mundo moito máis rico e variado que o que lle proporcionaba bebopalula ou “Blue suede shoes”. As cancións folk, transmitidas de xeración en xeración e con raigame europea, falaban de pantasmas, da Biblia, da Guerra de Secesión, de venganzas e amores desgraciados. Dylan cambiou o seu equipo eléctrico por unha guitarra acústica.

Acudiu á Universidade de Minneapolis durante un ano, no cal non asistiu a ningunha clase, xa que pasaba as noites tocando e aprendendo cancións. Entón comezou a prestarlle máis atención ó blues do mítico Robert Johnson e, sobre todo,descubriu a Woody Guthrie.
Woody Guthrie era a figura punteira do folk dos anos 30, da época da Gran Depresión, na que vagou polos EE.UU recollendo nas súas cancións a voz dos desfavorecidos, un gran eslabón na cadea da música tradicional americana, viaxando en trens de carga e buscándose a vida, un irmán maior para Pete Seeger e outros adalides da chamada canción protesta.
Dylan describe na primeira parte das súas memorias (publicada en 2005) o que sentiu a primeira vez que escoitou a Woody Guthrie:”Puxen (un disco) no prato e cando a agulla descendeu, quedei abraiado; non sabía se estaba colocado ou sobrio...oír todas esas cancións, unha tras outra, deixoume mareado, con ganas de berrar. Era como se a terra se abrira ós meus pés... Woody Guthrie captaba coma ninguén a esencia das cousas. Era (tan) poético, duro e rítmico á vez.”
A partir de entón o xove Dylan adicaríase a aprender tódas as cancións de Guthrie que puidera, a imitar o seu estilo e a súa dicción á hora de cantar. Ademáis da súa ambición coma músico, coñecer a Woody sería unha das razóns polas que iría a Nova York.

Así que aquí temos o xerme das cancións que Dylan comezaría a compoñer en breve: o blues do Sur e o folk de ascendencia europea, con Woody Guthrie como referencia principal.


Primeiros tempos en Nova York


Bob Dylan chegou a N.Y.en decembro de 1960, ós 19 anos,. Sentíase coma un dos vagabundos das antigas cancións que interpretaba e que a moitos da súa idade lle parecían daquela arcaicas, cancións que xa interpretara nos cafés de Minneapolis. Foi nestas primeiras actuacións en solitario, en Minneapolis, nas que se presentou como Bob Dylan, non xa co apelido Zimmerman.
En N.Y. comezou pronto a frecuentar a bohemia do Greenwich Village, barrio que albergaba a artistas de todo tipo e no que había multitude de cafés e pubs nos que tocar. O seu estilo crú e a súa chaplinesca posta en escea comezaron a chamar a atención dos folkies que se movían naquel círculo, coma Dave Van Ronk ou a propia Joan Baez, xente que xa tiña discos na rúa. Déronse conta de que Dylan era algo máis que un imitador de Woody Guthrie, ó que contribuiron as primeiras cancións que compuxo, baseadas algunhas en vellas melodías. A música folk sempre recolleu cancións antigas e as foi transformando coas aportacións de cada xeración. Cando se fala de tradición non ten sentido falar de plaxio.

A primeira canción importante que comporía é “Song to Woody”, adicada ó seu heroe W. Guthrie. Nela di: “O último que quero facer é dicir que eu tamén percorrín un camiño difícil.” Está incluida no seu primeiro disco, titulado simplemente Bob Dylan, publicado en marzo de 1962. Firmou pola compañía CBS a instancias de John Hammond, o que fora descubridor de grandes figuras do jazz coma Billie Holiday, pero tralo estalido do rock and roll fixou a súa atención no folk.
A firma con Columbia CBS,unha grande compañía, sorprendeu a Dylan, pero non o feito de publicar un disco: a el parecíalle un paso natural no proceso de convertirse en músico, e ós que o escoitaban nos cafés neoyorquinos pareceulles un acto de xustiza .
Este primeiro disco contén 13 cancións, das que só dúas son composicións de Dylan, a mencionada “Song to Woody” e “Talkin´New York”. A lista de cancións escolleitas non foi premeditada; Dylan chegou ó estudio e gravou algunhas das cancións do seu repertorio habitual, as que se lle foron ocurrindo, folk e blues. Aquí demostra básicamente a súa forza como intérprete, sobre todo, dende o meu punto de vista, de blues. Entre estas cancións tamén está “The House of the Risin´Sun”, cos arreglos de Dave Van Ronk que máis tarde The Animals aprenderían desta versión de Dylan.


Consagración como estrela do movemento folk


Ó rematar a gravación Dylan xa estaba pensando no seu seguinte disco, mentres compoñía novas cancións que o ían alonxando da linguaxe ruda de Woody Guthrie e da forma de cantar do seu mestre. Tamén se basea na poesía que lía a todas horas. No circuito folkie comezou a se considerado un autor de primeira orde. As cousas ían agora moi rápido, só tiña 22 anos cando publicou o seu segundo disco en maio de 1963, The freewheelin´Bob Dylan, encabezado polo que xa era un éxito ó publicarse o disco, “Blowin´in the Wind”, que se converteu nun himno para o movemento pacifista, o movemento dos dereitos civís e todos aqueles que loitaban por unha sociedade máis xusta ó principio dos 60 en EE.UU.
A canción lanza preguntas que nos fan pensar na dignidade humana, como: ¿Canto tempo ten que vivir algunha xente antes de que se lle permita ser libre?”  apela á loita contra a inxustiza:”¿Cantas veces pode un home torcer a cabeza facendo como que non ve?” A resposta está na conciencia de cada un.
O disco tamén contén cancións antolóxicas do autor, como “Masters of War”,un himno antibélico , temas persoais como “Don´t think twice, it´s alright” e “A hard rain´s a- gonna fall” en principio un himno antinuclear escrito trala crise dos misís cubanos. Todas as obras de arte están abertas á interpretación do receptor, e as cancións de Dylan parécenme un exemplo paradigmático deste feito. Vai caer un chaparrón, podería traducirse “a hard rain´s...”, e interpretarse como a chegada da gran hecatombe nuclear... ou como a crise definitiva dunha parella, por exemplo. E Dylan segue a interpretar estas e outras cancións de formas diferentes para si mesmo, dependendo do contexto, facendo así variar a nosa interpretación das mesmas. Non hai que olvidar que Dylan víase entón, e segue a verse para si, sobre todo como un intérprete en directo. De aí que cando grava un disco o fai case sempre coma si estivera dando un concerto, e case sempre escoitamos no disco a primeira ou segunda toma das  cancións, e case sempre nos proporciona unha interpretación maxistral das mesmas. E en The Freewheelin´… temos un temprano e bo exemplo.


En xullo dese mesmo ano será xa a gran estrela do Festival de Newport, un renombrado festival de musica tradicional americana no que dominan as tendencias progresistas da época, co vello Pete Seeger e outros como adalides. Dylan convértese entón na “voz da nova América”. O momento culminante do festival é a actuación de Bob Dylan acompañado por Joan Baez e Pete Seeger cantando perante 46 mil persoas o “Blowin´in the wind”. O novo xenio ó servicio da nova América, como confirman nese momento os seus padriños, o gurú Seeger e a musa Baez. Pero Dylan ía dar pronto mostra do seu proverbial individualismo...

O seu seguinte disco é The times they are a-changin´, publicado en xaneiro de 1964, e que o convirte nunha estrela en EE.UU e fai que sexa coñecido en Europa. Dende a mesma portada atopamos a crudeza do seu contido, cancións que falan da miseria moral e económica, paisaxes propias da Gran Depresión, amores truncados. A interpretación destas cancións é dura, e non  hai lugar para o humor que aparecera no disco anterior. Aquí Dylan fala da formación do seu xove país en “With God on our side”, mencionando as guerras que o fixeron tal e como é. Tamén canta sobre o asasinato dunha criada a mans do fillo dun millonario en “The lonesome death of Hattie Carroll”,e do final dunha relación amorosa cun océano de por medio en “Boots of Spanish leather”. O espíritu de venganza está presente en “When the ship comes in”, debuxada a través dunha escritura do tipo da poesía simbolista francesa, a de Rimbaud por exemplo, unha das referencias literarias de Dylan, así como de toques bíblicos que lle dan grandilocuencia á letra. Nesta canción a area é unha alfombra de ouro, e os sabios de abordo lémbrannos que “o mundo enteiro está a mirarnos.” A última estrofa di: “Os tipos eses espertarán co sono aínda nos ollos e saltarán da cama pensando que están a soñar...levantarán as mans dicindo “satisfaremos as vosas demandas” pero nós espetarémoslles “os vosos días están contados”...e como o pobo do Faraón serán afogados na marea, e como Goliat, serán vencidos.”
A última canción do disco é “Restless farewell” (“Despedida angustiosa”) na que di: “é para mín e para os meus amigos que canto as miñas cancións”, algo que a “rama ortodoxa” da canción protesta non quixo escoitar cando Dylan, tras escribir e gravar este disco, o mellor da susodita canción protesta,( a falta doutro nome mellor), abandoou o xénero.

O disco ábrese coa canción titular, “The times they are a-changin´”, unha constatación do que entón estaba a pasar en EE.UU, con xente alzando a súa voz contra a inxustiza, tamén a través da música.
(Interpreto "The times they are a-changin'")


Nesta época dá varios concertos por todos os EE.UU, en teatros e campus universitarios. O concerto antolóxico deste momento da súa carreira é o do Philharmonic Hall en Nova York, coñecido como “o concerto de Halloween” por ter sido ese día, o 31 de outubro de 1964. Nel, ademáis de cantar os seus temas máis famosos, interpreta algúns que non ía gravar nunca no estudio e outros que non gravaría ata o seu primeiro disco “eléctrico”,e  invita a Joan Baez a cantar con el. Xa o ano anterior Dylan lera o seu longo poema “Last thoughts on Woody Guthrie”; era a primeira vez que se presentaba nun escenario sen a súa guitarra, e era unha despedida da influencia directa de Woody Guthrie na súa música.


Un par de meses antes,en agosto de 1964, Dylan publicara o que pode considerarse un disco de rock acústico, como dixo algún crítico, aínda que a min paréceme unha declaración de alguén que se sentía traicionado porque as súas cancións xa non están centradas na denuncia das inxustizas sociais. Titúlase  Another side of Bob Dylan, título que lle puxo o productor Tom Wilson e que a Dylan non lle gustou nada, xa que lle poñía límites e etiquetas ó seu arte.
Estas cancións son de amor, humor e misericordia. Escribiu a maioría delas en Europa, en Italia e Grecia, e gravounas nunha soa noite, o que fai que nalgunha toma o cantante soe cansado. A pesar diso, o disco en xeral soa fresco e espontáneo, incluso se ri no medio dalgunha canción.
O movemento folk reprochoulle a Dylan o seu alonxamento da canción protesta abertamente, a través de declaracións en publicacións afíns a este movemento, cartas ás mesmas, etc. Dylan demostraba nesta obra a súa liberdade de pensamento e acción e a súa alerxia ás etiquetas. A pesares do que dixeran do contido do disco en xeral, este contén unha das cancións de Dylan máis directamente adicadas ós desfavorecidos: trátase de “Chimes of freedom”, as campás soan polos prisioneiros, polas nais solteiras, polos solitarios e as prostitutas. En “My back pages” fala das “mentiras de que a vida é branco ou negro” e de que agora é “máis xove que antes”, aínda que en realidade nunca estivo implicado de todo en ningún movemento político.
O lp despídese con “It ain´t me babe”, canción de rexeitamento cara unha rapaza ou cara o papel de profeta da nova América que lle impuxeran. No Festival de Newport dese ano cantou esta canción e “Mr. Tambourine Man” o día do chamado “obradoiro da canción protesta” perante as facianas desaprobatorias de Pete Seeger e o resto da vella garda, declarando deste xeito que xa non ía escribir cancións para os demáis, agora ía escribir cancións para si mesmo.



Xiro ó rock and roll


 Dylan sempre mira cara adiante, ¿Como ía querer estar toda a vida tocando el só cunha guitarra “Blowing in the wind”? Neste momento, finais do 64 e principios do 65, Dylan está no punto de mira: para os que o elevaran ó trono de rei da canción protesta, agora era un traidor por cantar cancións impregnadas de poesía subxectiva, simbolista e surrealista como “Mr. Tambourine Man” ou “Gates of Eden”. Ambas aparecerían na cara B, acústica, do seu primeiro disco eléctrico, Bringing it all back home, e xa foran interpretadas no concerto de Halloween, que parecía dunha era lonxana comparado cos novos temas con banda de acompañamento, e só pasaran uns meses.
Moito se ten falado deste xiro cara ó rock and roll por parte de Bob Dylan. El mesmo argumentou que os temas que estaba escribindo non soaban completos só con el tocando a guitarra acústica. Ademáis sempre quixera ter unha banda respaldándoo, e agora era unha estrela e xa se podía permitir este desexo. E non olvidemos que el empezara tocando rock and roll, que Elvis sempre sería un heroe para el, e que estaba moi atento, como todos en EE.UU, ó novo impulso que os grupos ingleses como os Rolling Stones, os Beatles ou os Animals lle deran a esta música xenuinamente americana; de aí o título do disco que abría unha nova etapa na obra de Dylan, “Bringing it all back home”, isto é, “Devolvéndoo todo a casa”,un músico americano, e non inglés, relanzaba o rock and roll alí onde o deixaran Elvis tras ingresar no exército, Chuck Berry tras ingresar en chirona e Little Richard tras facerse pastor evanxélico, mentres os Beatles copaban as listas de éxitos yanquis.
O lp foi publicado en marzo de 1965. Pronto foi acusado de terse vendido (o disco foi un éxito comercial tanto en EE.UU como en Reino Unido). Como xa comentei, a cara A comprende as cancións interpretadas co grupo, máis rocanroleiras, e a cara B as cancións interpretadas en solitario. Dous ambientes diferenciados no mesmo disco.
A primeira canción e “Subterranean homesick blues”, un tema ó estilo de Chuck Berry  no que nos advirte de que “non sigamos a ningún líder e vixiemos os parquímetros”, a ningún líder el incluido. As letras desta cara en xeral están impregnadas de escenas absurdas e humorísticas, alónxandose así, de forma consciente, do sambenito de poeta dos desfavorecidos.
(Interpreto “Subterranean homesick blues”.)
 


Nesa primavera Dylan realizaría unha xira polo Reino Unido, os últimos concertos como artista en solitario coa única compaña da súa guitarra e a armónica, na que interpreta antigos temas, os temas acústicos do seu último traballo discográfico e alomenos un tema da cara eléctrica pero sen acompañamento, “Love minus zero”. A película documental Dont look back recolle esta xira, tanto no escenario como nas habitacións de hotel, onde vemos a unha Joan Baez doída por non ser invitada por Dylan a subir ós escenarios ingleses.
En xullo dese 1965 Dylan presentaríase no escenario do festival folk de Newport cunha banda eléctrica, tocando entre outros unha das súas cancións máis recentes por aquel entón, “Like a rolling stone”. Os puristas do folk mostráronse indignados mentres o público en xeral aceptou o novo son, ou eso parecía nese momento.

En agosto publicouse Highway 61Revisited, o seu sexto lp, que se abre precisamente con “Like a rolling stone”. Dylan revélase neste disco como un grande director de banda de rock, sacando de cada músico que lle acompaña xusto o que precisa. O absurdo das letras alcanza aquí unha cima, con Jack o Destripador presidindo a cámara de comercio e Beethoven metido nun saco de dormir. Trala gravación de “Like a rolling stone” Dylan despide ó productor dos seus discos anteriores, Tom Wilson, e ficha a Bob Johnston, máis dacordo co novo rumbo da música dylanesca e que produciría tódos os seus discos ata os anos 70.


Apoteose


Foi nesta época cando Dylan comezou a contar con The Band como grupo de acompañamento. Antes chamábanse The Hawks, e mostráronse sorprendidos co salto de nivel que lles propoñía Dylan; pasaron de tocar en garitos a grandes escenarios como campos de fútbol americano.
O mánager de Dylan, Albert Grossman, foi quen o puxo en contacto co grupo e programou para o seu representado toda unha xira mundial con eles. Dylan convertérase nunha estrela pop, como os Beatles, e Grossman pensaba sacarlle partido ata o límite. De momento Dylan tiña confianza total nel.
Comeza para a rutilante superestrela unha etapa de traballo sen pausa: tres ou catro concertos á semana, durmir e comer pouco e tomar “moitas medicinas”, dende o 28 de agosto de 1965 (primeiro concerto da xira en Forest Hills) ata o verán seguinte. Entremedias foi redactando Tarántula,o seu primeiro libro, e gravou o seu séptimo lp, Blonde on Blonde, en dúas semanas en Nashville con músicos locais, algúns dos cales tiñan tocado con Elvis.

Blonde on Blonde
pecha a chamada triloxía eléctrica de Dylan e a primeira etapa da súa carreira, ata este momento metéorica. Este disco é sen dúbida unha obra mestra; tal vez o máis abraiante, tendo en conta o resultado, é que os músicos ían aprendendo as cancións sobre a marcha, e cando escomenzaban a grabar unha non sabían que podía durar 5, 7 ou 11 minutos, como “Sad Eyed Lady of The Lowlands”. Trátase do primeiro disco doble da historia do rock; un disco que recolle un ambiente propio das tres da mañá, no que se modera o absurdo do traballo anterior e no que priman as historias de romances fugaces e ligues esporádicos, a pesar de que Dylan acababa de casarse. É un bo exemplo da, na maioría dos casos, inutilidade de interpretar as súas letras en clave autobiográfica.
“¿Non é propio da noite gastarche bromas cando intentas estar tranquilo?” canta Dylan no verso que abre “Visions of Johanna”.
(Interpreto “Visions of Johanna”)

O momento clave da xira mundial 65-66 é o regreso de Dylan a Inglaterra. A primeira parte dos concertos, coma no resto da xira, era un set acústico, con Dylan tocando él só. O público dos teatros ingleses calaba e escoitaba cada palabra. Despois aparecía The Band para o set eléctrico da actuación, e comezaban os abucheos e os insultos, como “Traidor!” ou “Woody Guthrie ten que estar a revolverse na súa tumba!” (aínda que Guthrie seguía vivo). Todo isto pódese apreciar no directo do "Royal Albert Hall" (aínda que en realidade foi gravado en Manchester, e non nese teatro londinense) que saíu á venda hai uns anos, aínda que circulaban copias piratas ó día seguinte de terse celebrado, coma moitas outras veces cos concertos de Dylan. Este home ía por diante dos que esperaban ver a un folkie con camisa de cadros toda a vida. Un dos membros de The Band resumiu como era unha noite de concerto naquela xira mundial: “Despois da parte acústica, subiamos nós, abucheábannos, recollíamos todo, chegabamos á seguinte cidade e volvíannos abuchear.”A moral estaba baixa entre algúns dos músicos, pero Dylan seguía adiante seguro do que estaba a facer.
Ó rematar a xira, a principios de verán de 1966, Bob Dylan tiña tódalas papeletas para converterse no primeiro mártir da alegre década dos 60: estaba totalmente esgotado, consumido. O seu mánager tíñalle preparada outra xira semellante para 1967. Era demasiado.

E entón sucedeu algo que posiblemente lle salvou a vida a Dylan: o tan comentado accidente de moto preto da súa casa de Woodstock o 29 de xullo de 1966, que se ben apenas lle deixou secuelas físicas (só o pescozo un pouco mazado) serviulle como advertencia do que podía suceder se continuaba con ese ritmo de vida, así como de excusa para tomarse un descanso e cancelar os seus próximos compromisos profesionais. Comeza aquí unha longa etapa de retiro; Bob Dylan só tiña entón 25 anos.



Vida campestre


¿E agora que? Rematou a etapa emblemática do artista máis influínte dos 60. A partir deste momento Dylan seguiría a evolucionar, sempre máis alá do que esperaba o público que o seguiu dende o principio. Como dixen ó comezar, o Dylan dos 60 sería o que quedara marcado no imaxinario popular, a referencia á que sempre voltarían fans e críticos. Nestes primeiros pasos que deu alonxándose do seu propio mito, Dylan faría, en moitos casos de maneira consciente, o contrario do que agardaban os fans. E despois, simplemente, buscaría novos terreos que conquistar; isto é o que fai que a súa obra sexa tan rica e extensa.
Dende o ano 67 adicaríase en pleno á súa familia, deixándose incluso, por primeira vez, fotografar con ela. Escribiría e gravaría cancións cos seus amigos de The Band sin intención de publicalas, pero ó circular tantas copias piratas do froito destas sesións finalmente salirían ó mercado oficial en 1975 co título de The Basement Tapes.Tamén se ía poñer a pintar... e poríase a escribir cancións cunha gran Biblia aberta diante del no ano en que os hippies cantaban hare krishna ó ritmo do Sgt Pepper´s dos Beatles.

Dylan fala destes tempos de retiro campestre en Woodstock no primeiro, e de momento único publicado, tomo das súas memorias:”Ter fillos cambiara a miña vida e aislárame de todo o mundo...aparte da miña familia, nada tiña moito interés para min...”e despois di, sobre os fans que peregrinaban cara á súa casa:”Probablemente alguén puxo a disposición dos drogatas e colgados dos cincuenta estados mapas para que puideran chegar á nosa granxa...comezaron a chegar radicais sen escrúpulos na busca do Príncipe da Protesta.”
E así, lonxe dos flashes na medida que lle foi posible, Bob Dylan escribiría as cancións que ninguén esperaba do príncipe da protesta, e as interpretaría como ninguén esperaba que as interpretase o espectro de electricidade que percorrera o mundo en 1966.
O 27 de decembro de 1967 saiu á rúa John Wesley Harding, grabado por Dylan con algúns dos músicos de Nashville que utilizara no Blonde on Blonde. Pero o resultado é moi distinto; os únicos instrumentos utilizados son a guitarra acústica, a armónica, o baixo e a batería. A linguaxe utilizada nas letras é arcaica, propia da Biblia e das antigas baladas inglesas; algunhas das cancións poden considerarse parábolas, como “The ballad of Frankie Lee and Judas Priest”, que remata dicindo: “a moralexa desta canción é moi fácil de ver...non vaias por aí confundindo o Paraíso cunha casa xunto á estrada.”Este disco tamén contén “All along the watchtower”, da que Jimi Hendrix faría unha versión incendiaria que a Dylan sempre lle gustou e quixo recrear nalgún dos seus concertos.
O seguinte disco saldría en abril do 69, e con él Dylan seguiría a profundizar na destrucción do seu propio mito e na exploración de novos terreos, sorprendéndonos con novas habilidades compositivas e interpretativas. Titúlase Nashville Skyline e podería decirse que é un disco de música country, un disco de lúa de mel, cheo de cancións de amor na que o autor nos conta o enamorado e tranquilo que está. Dylan toca a música que lle levou a facer música, con dúo con Johnny Cash incluido interpretando “Girl from the north country”,canción do Freewheelin´,o seu segundo disco. Pero o que máis sorprendeu a todos, e segue a sorprender, é a voz de Dylan nestas interpretacións, doce e suave, coma a dun baladista dos 50. Ademáis inclúe a súa primeira canción instrumental publicada.
A canción máis coñecida deste disco é “Lay lady lay”, escrita en principio para a banda sonora de Midnight Cowboy . E no tema “I threw it all away” o autor resume nun verso o espíritu destas cancións: “O amor é todo o que hai, o amor e só o amor, non pode negarse.”
(Interpreto “I threw it all away.”)

En xuño do 70 Dylan daría unha nova mostra de que estaba moi lonxe de querer complacer a ninguén: saiu ó mercado o seu doble lp Selfportrait, “Autorretrato”, cun cadro do autor na portada; a maioría das cancións eran versións de vellos éxitos do country e outro tipo de baladas, música que marcara ó xove Bob, de aí o título. Dylan alternou na súa interpretación a súa característica voz coa súa “nova” voz de baladista. Inclúe por vez primeira nun dos seus discos coros femininos e metais, así como novos instrumentais. Este traballo semellou, como ó parecer pretendera Dylan, non contentar a ninguén. A revista Rolling Stone recibiuno coa seguinte crítica:”¿Qué é esta merda?” Dylan diría tempo despois que Selfportrait era unha broma, pero os músicos que traballaron nel din que nas sesións non se ría ninguén, e menos Dylan.
Catro meses despois, e como para compensar, o antigo rebelde e naquel momento modélico pai de familia de 29 anos publicou New morning, un traballo ben recibido despois do chasco do traballo anterior. Dylan toca o piano na maioría das cancións e volven  aparecer coros femeninos. A doce voz de baladista pasou a mellor vida nestas cancións que falan de amores idílicos.


Nos dous anos seguintes Dylan non publicaría ningún novo traballo, salvo un single; non acudiría ó festival de Woodstock, o pobo onde vivía, no 69, pero si ó da  Illa de Wight en Inglaterra con The Band nese mesmo ano; colaboraría en diversos traballos discográficos doutros artistas e o 1 de agosto de 1971 aparecería no chamado concerto de Bangladesh organizado por George Harrison en Nova York, tocando 5 vellos éxitos co respaldo do propio Harrison e outros.

Segundo moitos Bob Dylan estaba acabado. Non sería a última vez que diversas voces críticas se alzasen lanzando esta declaración cando estaba a piques de comezar outro periodo prolífico deste artista impredecible.
En 1973 Dylan participaría como actor secundario na película de Sam Peckimpah Pat Garret &Billy The Kid  e sería o autor da súa banda sonora, que inclúe a de sobra coñecida “Knockin´on heaven´s door”.


Primeira madurez


A finais dese ano, 1973, Dylan encararía a gravación dun novo disco cos seus vellos amigos de The Band, o Planet Waves,sen artificios e só tendo en conta as cancións e a forma de interpretalas. Este traballo resultaría ser o primeiro dunha nova triloxía discográfica froito dun dos momentos máis inspirados de Dylan como autor e intérprete, froito da súa maduración como tal.
Trala publicación do Planet Waves en xaneiro de 1974, Bob Dylan volvería saír de xira despois de 8 anos sen facelo, e outra vez con The Band. Percorrerían os EE.UU durante sete semanas e serían vistos por máis de 700 mil persoas en grandes recintos. A xira foi un éxito total e daría lugar ó primeiro disco de Dylan en directo, o Before the Flood.Tratábase dunha xira de grandes éxitos; Dylan diría nos anos 80 que non quedara contento de como interpretara as cancións nesa xira, que por primeira vez non  se sentía preparado para actuar diante do público, que é o que máis lle gusta. Parte de culpa da súa inseguridade, ademáis do feito de levar tanto tempo sen actuar con regularidade, era a de que estaba a ser visto polo público como unha vella gloria dos 60 ofrecendo os vellos éxitos que aquel público esperaba. Para moitos era o único que podería facer de agora en diante, sucumbir por fin ó seu mito, xa que ningún dos seus últimos traballos estaba á altura dos dos anos 60.
Pero entón ocurriu...toda unha serie de factores levaron á creación do ciclo de cancións que comprenderían o Blood on the Tracks, para moitos o disco que escollerían entre os máis de 40 de Bob Dylan como o seu mellor, tal vez só por detrás do Blonde on Blonde.

Dylan estaba divorciándose da súa muller, Sara, tras 8 anos de matrimonio e 4 fillos en común; así, a maioría das cancións desta obra mestra falan da fin do amor ou da imposibilidade de que sexa duradeiro. Ademáis Dylan estaba asistindo a clases de arte cun vello profesor xudeu que en grande medida lle axudara, como declararía naquela época, “a facer conscientemente o que antes facía inconscientemente” no referente a escribir e interpretar. Unha canción de Dylan está escrita moitas veces como un libre fluxo de conciencia, de aí que, como xa sinalei, estea aberta a tantas interpretacións. Isto pasaba sobre todo no seu primeiro periodo eléctrico dos 60, no que a terceira persoa, “ela”, podía transformarse na seguinte estrofa nunha segunda persoa, “ti”, ou viceversa. No Blood on the Tracks Dylan faría isto de forma consciente, escribindo as cancións coma se fosen cadros, con imaxes poéticas moi plásticas e nas que se recollen as diversas perspectivas dos protagonistas e do narrador dende o exterior.
Como exemplo desa forma de crear cancións vou poñer “Simple Twist of Fate”, “Un simple xiro do destino”, a segunda do álbum, un exemplo de romanticismo extremo:”Se sigo vivo é para volver a encontrarme contigo.”
A traducción ó galego da súa letra sería a seguinte:
Sentáronse xuntos no parque
A medida que medraba a escuridade
El mirou para ela e sentiu unha chispa
Correndo polos seus ósos;
Entón foi cando se sentiu só
E desexou non terse parado
E ter coidado co simple xiro do destino.
Camiñaron bordeando a vella canle
Un pouco confusos, lémbroo ben
Pararon nun hotel estraño
Cunha luz de neón ardendo brillante;
El sentiu a calor da noite
Golpeando coma un tren de mercancías
Movéndose polo simple xiro do destino.
Os saxofóns soaban ó lonxe
A medida que ela camiñaba pola calexa
E a luz cruzaba unha sombra derrotada
Mentres el espertaba;
Ela botou unha moeda no cazo
Do cego que había no portal
E olvidou o simple xiro do destino.
El espertou, a habitación estaba baleira
Non a veu por ningures
Díxose para si que non importaba
E abreu a fiestra de par en par;
 Sentiu un vacío interior
Que non podía poñer en palabras
Traído polo simple xiro do destino.
El escoita o tic tac dos reloxios
E camiña só, cun loro que fala
Búscaa polo porto
Onde paran os mariñeiros;
Pode que ela o elixa a el outra vez,
Canto tempo vai ter que esperar?
Unha vez máis polo simple xiro do destino.
A xente dime que é un pecado
Ser tan sensible
Aínda creo que é a miña alma xemelga
Pero perdín o anel;
Ela naceu en primavera
Pero eu nacín moi tarde
Bótalle a culpa a un simple xiro do destino.

(Interpreto “Simple twist of fate”)

A forma de interpretar as cancións deste disco por parte de Dylan é maxistral, totalmente evocadora do sentimento que contén cada canción, e logrando que os músicos o secunden nese sentimento. Dylan aproxímase aquí ó seu obxectivo, ó obxectivo do gran arte, que é parar o tempo.
 Tanto a canción que abre o disco, “Tangled up in blue” como esta “Simple twist of fate” estarían sometidas dende o momento da súa creación a numerosos cambios na letra durante as actuacións en directo ata o día de hoxe. En “Tangled up in blue” o cambio na letra inclúe cambios na perspectiva, e donde antes dicía “el” ás veces di “eu”. Se ben é certo que Dylan cambia a letra de moitos outras cancións nos seus concertos, como artista espontáneo que é e que se guía polo que sinte no momento que toca e canta en directo, durante moito tempo estivo obsesionado con darlle cada vez un matiz diferente a estas dúas cancións.
Blood on the Tracks saiu ó mercado o 17 de xaneiro de 1975. Entón Dylan viaxou a Europa, a Francia e Italia, procurando olvidar as amarguras do divorcio. Ó voltar tiña en mente diversos proxectos. No verán dese ano propúxolle a Jaques Levy que escribiran canción xuntos; desta proposta xurdiría o seu seguinte disco de estudio, o Desire, que cerra esta segunda grande triloxía na obra de Dylan. Levy era un autor de teatro underground, digamos, que xa escribira letras para os Byrds, o grupo californiano. En xullo Dylan e Levy puxéronse mans á obra, e nestas sesións naceron cancións como “Hurricane” ou “Romance in Durango”, sempre con música de Dylan e letra de Dylan e Levy, salvo “One more cup of coffee” e “Sara”, que son enteiramente de Dylan.
Como di o título deste disco,Desire, (“desexo”) Dylan estaba desexoso de facer moitas cousas, entre elas comprometerse públicamente na defensa de Rubin “Hurricane” Carter, boxeador acusado inxustamente de asasinato nun flagrante caso de racismo (de aí xurdiu a canción, deste compromiso), de probar novos sons no terreo musical, o que se concretou na inclusión do violín de Scarlett Rivera no disco e dos coros de Emylou Harris, a grande dama da música country. Tamén quería poñer en marcha unha xira diferente, que o alonxara do concepto de actuación en directo da xira anterior con The Band. Así, tamén durante aquel verán, volveu a entrar en contacto cos seus vellos compañeiros do Greenwich Village da súa primeira época en Nova York, Joan Baez, Jack Elliot, e outros artistas como Joni Mitchel e o poeta da xeración beat Allen Ginsberg.
A xira sería a “Rolling Thunder Revue” coa que Dylan e compañía percorrerían o leste dos EE.UU a partir do outono de 1975 presentando un espectáculo de carácter vodevilesco en pequenos teatros, case sen previo aviso. Durante a xira Dylan, servíndose dos seus acompañantes como actores, gravaría a que ata agora é a súa única película como director, Renaldo e Clara.Trátase dunha serie de tomas, moitas veces sen conexión entre elas, intercalando actuacións da xira. A película foi demolida pola crítica, que esperaba ver unha historia con principio, desenrolo e desenlace.
En xaneiro de 1976, coa xira aínda en marcha, publicouse o Desire, con versións moi distintas das que o público podía escoitar en directo. A toma de “Hurricane” recollida no lp é das interpretacións máis cheas de forza nun estudio, mostrando a  entrega total de Bob Dylan á causa que defende.



Cristianismo


Dende 1977 Bob Dylan entraría novamente nun proceso de transformación sorprendente, que esta vez o levaría a converterse ó cristianismo. Por outra banda, dende 1978 Dylan estará case de forma permanente de xira ata hoxe en día, parando de forma esporádica para facer os cambios que considera pertinentes na súa banda e no son da súa música. Os discos serán a partir dese momento máis que nunca paradas no camiño para lanzar as súas novas cancións ó mercado.
Dylan fíxose nun principio cristiano evanxelista, na rama dos chamados “cristianos renacidos”, con moitos adeptos nesa época tralos estragos que causaran os abusos dos anos 60. Hoxe en día segue a ser cristiano, a pesar das fotos que o mostraban no Muro das Lamentacións e o seu apoio á causa sionista nos 80. Dylan pode ir rezar a unha sinagoga e parecerlle un feito normal aínda que sexa cristián, demostrando unha vez máis a súa alerxia ás etiquetas.
En xuño de 1978 publicou o seu primeiro disco en máis de dous anos, o Street-Legal. Nel xa incluía os coros gospel dos seus inminentes discos cristianos. Nalgunhas cancións aproxímase a algo que poderiamos chamar música soul, como na que cerra o disco,”Where are you tonight?” (“¿Onde estás esta noite?”), na que o narrador bota de menos a alguén que ben podería ser Xesucristo.
Os dous discos máis abertamente cristiáns de Dylan, o Slow Train Coming e o Saved, de 1979 e 1980 respectivamente, son obviados por moitos aficionados á música en xeral e fans de Dylan en particular por seren iso, abertamente cristiáns. Pero só os prexuizos do oínte menoscaban a calidade destas cancións e interpretacións, apaixoadas como poucas entre toda a obra do autor.
No Slow Train Coming Dylan contou coa colaboración de Mark Knopfler e Pick Withers, un guitarrista e o outro batería dos Dire Straits. Púxose moito coidado no proceso de gravación deste disco, esta vez non foi froito do estilo dylanesco de gravación en directo valéndose das primeiras tomas.O cantante fai gala aquí dalgunhas das súas mellores interpretacións vocais. Foi un éxito comercial e supuxo o primeiro Grammy para Dylan polo single “Gotta serve somebody”, no que canta que dá igual quen sexas, vas a ter que servir a alguén, a Deus ou a Satanás.
A maioría das cancións son de carácter apocalíptico, no que o narrador nos di que a fin do mundo está próxima e queda pouco tempo para aceptar a Xesús e salvarse.
O seguinte disco, Saved, está máis centrado na relación persoal do cantante con Cristo, sen tantas advertencias. En outono de 1979 xa interpretaba en directo as cancións que se incluirían neste álbum. Naqueles concertos, cancións como “In the Garden”, que narra a historia de Xesús ata a resurrección, constitúen algunhas das mellores creacións de Bob Dylan...pero isto non queda reflexado no estudio de gravación, no que a interpretación destas cancións non pasa de ser técnicamente aceptable, a pesar de contar cos mesmos productores e de terse gravado no mesmo estudio que o Slow Train. Parece que Dylan non tiña moita gana de meterse a gravalo e prefería seguir de xira sen ningunha pausa, levando a palabra de Cristo a tódolos rincóns de América  e botando auténticos sermóns entre cancións que nos serven para albiscar como funciona a súa extraordinaria mente.
Nestes concertos só soaban as cancións gospel compostas nesta época, sen lugar para temas precristianos, o que fixo, unha vez máis, que parte do público se enfrontara ó artista reclamando cancións como “Like a rolling stone”; pero en xeral a acollida do novo repertorio relixioso e do son de coro gospel foi boa.
Moitas das cancións presentadas nestas xiras de 1979 e 1980 non foron gravadas xamáis no estudio, e se sabemos delas e polas gravacións piratas destas actuacións. Os comezos dos 80, tanto no referido a este momento netamente cristián como ó momento inmediatamente posterior no que esta mensaxe se suavizou, é un dos máis prolíficos de Dylan, tal vez só comparable ó dos primeiros anos 60; compón novas cancións sen parar, e moitas veces as mellores delas quedarán fóra dos lp´s oficiales por decisión propia de Dylan, para sorpresa e disgusto dos seus colaboradores.


Anos 80


Os casos máis claros destes álbumes que quedaron a un paso de seren novas obras mestras do autor son os dous seguintes.
O primeiro deles, Shot of Love, foi publicado en agosto de 1981; a única referencia directa a Cristo que contén é a canción “Property of Jesus”. Contén varias xoias, como a última canción, “Every grain of sand” na que o narrador mostra o seu convencemento de que Deus coida de todo, ata dun ínfimo gran de area. Pero fóra do disco quedaron cancións como “Angelina", que só descubriremos en 1991 coa publicación do primeiro volume das Bootleg Series, discos que conteñen as pezas descartadas por Dylan ó longo de toda a súa carreira.
O seu seguinte disco é Infidels, que foi acollido como o retorno de Bob Dylan á música secular. Mark Knopfler volveu colaborar nalgunhas das cancións. O lp saiu á rúa en novembro do 83 e obtivo boas críticas, así como bos resultados comerciais. Contén cancións de calidade como “Jokerman”, “Sweetheart Like You”, “I and I”...pero fóra quedaron temas extraordinarios, de dimensións épicas, como “Foot of Pride”, na que se recorre a podredume do mundo actual, e sobre todo, “Blind Willie Mc Tell”, gravada por Dylan ó piano co único acompañamento de Knopfler á guitarra de 12 cordas. Nesta canción percórrese o Sur de EE.UU, as plantacións, a escravitude, o contrabando, a través dos ollos e os oídos do narrador, que di no estribillo “pero ninguén pode cantar o blues como o Cego Willie Mc Tell”, a pesares de carecer do sentido da vista. Blind Willie Mc Tell foi un personaxe real, un bluesman morto nos anos 50. Persoalmente, esta é unha das miñas cancións favoritas de Dylan.
(Interpreto “Blind Willie Mc Tell”).

¿Por qué quedaron descartadas estas grandes cancións? Tal vez porque o autor non as consideraba o bastante comerciais para os anos 80. Dylan mostrarase bastante inseguro neste periodo respeto á acollida que pode ter a súa obra, algo que antes non lle importaba demasiado; verase abrumado polas novas tecnoloxías á hora de gravar, delegando gran parte do seu criterio nos productores e gravando videoclips bastante lamentables para un artista da súa talla, moitas veces contra a súa vontade pero crendo que non lle queda máis remedio que facelo para ter éxito nos novos tempos.
A pesares disto, os seus seguintes discos, Empire Burlesque, Knocked Out Loaded  e Down In The Groove colleitarán resultados comerciais cada vez máis modestos.

Pero non olvidemos que ante todo Bob Dylan considérase a si mesmo un artista intérprete, máis alá de compositor ou artista discográfico. O seu momento máis crítico o vivirá entre 1986 e 1987 cando non se vexa capaz de defender o seu repertorio en directo, cando non se identifique no lugar e no momento concreto coa canción que está a cantar, calquera do seu inmenso repertorio, e só interprete con piloto automático. Nese momento Dylan chegou a barallar a posibilidade de retirarse.
Para que isto non chegara a pasar foi crucial a súa colaboración cos Grateful Dead, banda californiana formada nos 60 e de tintes psicodélicos. O seu líder, Jerry Garcia, axudou a Dylan a valorar e a reinventar o seu repertorio, así como o concepto dunha actuación en directo. Os Grateful Dead eran admirados porque, entre outras cousas, cambiaban o repertorio dos seus concertos case completamente dunha noite a outra, para sorpresa e ledicia dos seus fans; ademáis interconectaban as cancións dun mesmo concerto entre si, tanto a nivel musical como letrístico ou sentimental, facendo que cada directo fora unha historia no que cada canción era un episodio da mesma. Os Grateful Dead fixeron unha xira con Dylan interpretando os temas deste e algúns dos seus cantados tamén por Dylan. Bob tomou boa nota desta colaboración e comezou a fraguar a Xira Interminable, que dura ata o día de hoxe, tendo comezado no verán de 1988. Dende entón Dylan eliminou os coros femininos e outros aderezos quedándose cunha formación básica de rock and roll, é dicir, dúas guitarras, baixo e batería, e ocasionalmente piano interpretado por el, con momentos para as guitarras acústicas e o contrabaixo.

En 1989 Dylan volverá gravar, esta vez co productor Daniel Lanois, que producira a U2 dándolle o seu son característico, e rexistrará un dos seus mellores lp´s en varios anos, o Oh Mercy. A fusión entre o son de Lanois e o de Dylan funciona realmente ben nesta a súa primeira colaboración. Dylan abre o disco cantando “vivimos nun mundo político”, fala en plural, identificándose co resto da humanidade, por primeira vez en moito tempo. Na canción “What Good Am I?” (“¿De que sirvo?”) faise unha serie de preguntas que nos lembran ás de “Blowin´in the Wind”.

En 1992 Dylan volve á música folk. Son os seus primeiros discos dende 1964 nos que só soan a súa voz, a guitarra e a armónica. O repertorio son vellas cancións tradicionais que xa cantaba na súa xuventude. Estes lp´s son Good As I Been To You e World Gone Wrong, do 92 e do 94 respectivamente. A pesares de que temos aquí un bo feixe de interpretacións maxistrais, a prensa dirá unha vez máis que Bob Dylan está acabado.


De Time Out Of Mind á actualidade



En 1995 grabará un “unplugged” para MTV, “unha vella gloria cantando os seus éxitos de sempre.” Nese momento xa tiña escritas a maioría das cancións que comporían outra das súas obras mestras. Resulta que, unha vez máis, Dylan non estaba acabado.

Ese disco maxistral é o Time Out Of Mind, publicado en setembro de 1997. o contacto co blues e o folk dos seus anteriores traballos dá como froito unhas cancións cheas de referencias a estas, collendo versos das mesmas para combinalos coa súa longa experiencia como intérprete e compositor, falando do proceso de envellecer e dos sinsabores da vida. Daniel Lanois volve estar ó cargo da producción. O disco ábrese con “Love sick”, na que canta:”Estou farto do amor! Gustaríame non terche coñecido.”
(Interpreto “Love sick”).


Time Out of Mind
foi un éxito absoluto de crítica e de vendas, merecedor de Grammies e outros galardóns. Foi entón cando empezou a soar o nome de Bob Dylan como candidato ó Premio Nobel de Literatura pola calidade das letras das súas máis de 600 cancións.
Nese mismo ano Dylan terá a honra, dende o seu punto de vista, supoño, de cantar ante o Vicario de Cristo. Estou seguro de que Dylan sentía que manaba del un gran poder espiritual.
O 11 de setembro de 2001 saíu á rúa Love and Theft, un gran traballo no que redundaba na súa identificación co blues e o folk que o curtiron como músico.
No ano 2000 Dylan fora merecedor do Premio de Música Polar da Real Academia Sueca, algo así como o Premio Nobel da Música; no 2001 foille otorgado o Oscar á mellor canción orixinal por “Things Have Changed”, incluida na banda sonora de Wonder boys.
Dende que comezou o século XXI o afán de Dylan por levar a súa música a tódolos rincóns do mundo fíxose se cadra máis intenso, e a Xira Interminable non descansa, salvo para facer algunha parada de varias semanas e gravar un disco. Ese foi o caso de Time Out Of Mind, Love and Theft e do seu último traballo discográfico ata o momento, Modern Times, publicado no 2006. Ó parecer xa ten outro en preparación…de momento Dylan segue ofrecendo o seu arte cada noite para poder cantar: “O último que quero facer é dicir que eu tamén percorrín un camiño difícil.”

Comentarios

Anónimo ha dicho que…
y lo beatles...
Anónimo ha dicho que…
vladimir ilich ulianov, supongo
ferreirós ha dicho que…
"lo" Beatles en otro momento, querido Vladimir

Entradas populares